Manifesto Marchas 22M en galego

 baner-22M-

MARCHAS DA DIGNIDADE 22M

Vivimos inmersos nunha crise social e económica como nunca antes coñecéramos. O noso país sofre uns niveis de paro e miseria que fan que unha gran parte da súa poboación non consiga alcanzar unhas minimamente dignas condicións de vida. Mentres, os distintos gobernos nos dan explicacións que a asemellan a unha catástrofe natural, sen responsables e de pronta recuperación.

Ninguén consegue explicar de forma convincente como se chega, en apenas seis anos, dun 8,5% de paro ao 26% actual. Non é posible mentres non se explique a armazón de intereses de banqueiros, empresarios e políticos que empobrece ás clases populares.
Tampouco se nos dan respostas sobre o futuro que nos espera. Se a única saída para ese 57% da nosa xuventude no paro é a emigración. Se os nosos traballadores teñen que subsistir e soportar un 10% de baixadas salariais de media e aceptar calquera tipo de condicións laborais, ou se a recuperación pasa por eses datos do paro que mostran que o emprego que se creará será temporal e precario, se todo iso é así, entón non só nos abandonaron senón que nos condenaron.
Condenáronnos porque a única saída que nos deixan é a de seguir mantendo, se non aumentando, os beneficios dos que nos levaron a este estado de excepción social, a custa do desmantelamento dos servizos básicos, a perda de dereitos laborais e sociais e o peche de empresas que aumenta o paro. Déixannos
sen traballo, sen casa, sen sanidade, sen pensións, sen estudos, sen futuro, sen vida!

Mentres tanto, regálanse centos de miles de millóns á banca, transformados en débeda pública que pagaremos as traballadoras e traballadores, e asegúranse o pagamento reformando o artigo 135 da Constitución e coa lexislación que nos compromete a cumprir o paquete fiscal ditado pola Troika e os grandes capitais europeos. O pagamento da súa débeda é a eliminación dos nosos servizos públicos, a perda dos nosos dereitos e o noso empobrecemento.
E así seguirán mentres lles deixemos, ata que nos poñamos de pé e digamos basta. Para conseguilo non hai outro camiño máis que a organización e a loita. A indignación en soidade só nos leva ao illamento e á resignación. Somos millóns e non estamos dispostos a deixar que nos aniquilen.
Para avanzar na construción da unidade e do poder do pobo estanse a preparar, dende moitos lugares do Estado, unhas
Marchas da Dignidade que chegarán a Madrid o 22 de marzo de 2014. As Marchas, convocadas por diversas organizacións, teñen por obxecto a protesta contra as políticas que están a facer cargar os efectos da crise sobre as clases populares e a maioría social traballadora do noso país a través de recortes e eliminación de dereitos sociais, económicos, políticos e liberdades.

Os principais obxectivos das marchas son, por un lado, constituír un espazo común de loita en torno aos comúns denominadores que perseguen todos os colectivos e movementos implicados, e que afectan de forma unitaria a unha gran parte do pobo español. Desta forma, poderemos avanzar cara a unha organización e estrutura unitarias que posibiliten a ensamblaxe dos diferentes colectivos, organizacións, plataformas e movementos que hoxe traballan contra o estado actual de cousas, e que pivote arredor das demandas esixidas.
Por outro lado, queremos trasladar a necesidade de mobilización, asociación e participación arredor dos obxectivos comúns do conxunto da poboación hoxe desmobilizada, para transformar o estado de resignación, descrente e frustrado, instaurado nun gran número de cidadáns e cidadás do noso país.
As Marchas da Dignidade non rematan o 22 de marzo; son o principio e non o fin. Permitirán asentar e fortalecer as estruturas creadas, para así dar resposta social e cidadá ás agresións que como poboo sufrimos e desafiar aquelas que estean por vir, deseñando e desenvolvendo unha estratexia de loita continuada no tempo, que persiga a reversión de todas as agresións, e que busque alternativas de convivencia social, política e económica.
Estas son as Marchas da Dignidade, as dun pobo que se organiza e loita:

1.- Contra o paro e a precariedade laboral. A favor da xeración de emprego digno e con garantías, pola repartición do traballo sen mingua salarial, a derrogación das diferentes reformas laborais, pola igualdade salarial entre homes e mulleres, por unha prestación suficiente.
2.-
Contra os recortes sociais que afectan directamente á sociedade, minando os mecanismos de protección e desenvolvemento social considerados na Constitución española e na DDHH, especialmente aqueles que van ligados á xubilación, á sanidade, á educación e os servizos sociais básicos. Polo dereito á vivenda e aos servizos básicos (auga, luz, gas) da cidadanía.
3.-
A favor dos servizos públicos en calquera das súas formas (Sanidade, Educación, Servizos Sociais ou Pensións). Contra as privatizacións e por un proceso de re-nacionalización dos sectores estratéxicos da economía.
4.-
Contra a corrupción instaurada nas institucións gobernamentais, políticas, económicas, financeiras e xudiciais. Pola transparencia, o dereito á xustiza e a igualdade de todos os cidadáns ante as instancias xudiciais.
5.-
A favor dunha auditoría da débeda contraida ilexítimamente polo Estado e en contra do pagamento desta.

A sociedade española está xa no proceso de empoderamento que tanto tempo leva buscando. Centos de miles de persoas, miles e miles de colectivos, centos de experiencias de autoxestión e rebeldía, fan que o cansazo do pobo este pasando xa dende as conversacións de bar aos lugares de reunión e de reivindicación. É un proceso caracterizado pola solidariedade e o apoio mutuo. Polo coñecemento, lento pero inequívoco, da realidade fronte ao engano en que nos queren ter sempre os poderes a través dos seus medios de comunicación. É un proceso vivo, que ha de seguir puxando, pero que ten visos de ser xa sen retorno. As xentes estanse a decatar de que isto non o arranxa ninguén senón a conxunción da poboación consciente e comprometida. Saben que vai supoñer esforzos e sacrificios. Momentos de tensión e represión. Pero están dispostos a afrontalo.

É o momento perfecto para xerar unión, para cargarnos de razóns que converten as persoas en compañeiros/ás, en camaradas na loita. Do noso traballo xeneroso, humilde, desinteresado e sen partidismos, depende en boa parte o éxito deste rexurdir popular. Non o desperdiciemos!

Esta entrada foi publicada en Comunicados, Documentos. Ligazón permanente.

Deixar un comentario